Queixa A Valedora Do Pobo

A valedora do pobo aproba a nosa denuncia contra a administración

11/13/20241 min read

A Valedora do Pobo galego é unha institución independente que ten como principal misión protexer os dereitos fundamentais e as liberdades públicas dos cidadáns fronte a posibles abusos ou irregularidades por parte das administracións públicas.

Actúa como intermediario entre a cidadanía e as institucións, garantindo que estas últimas actúen de acordo cos principios de legalidade, eficacia e xustiza. No noso caso acudimos a Valedora do Pobo para presentar unha denuncia formal contra a normativa que regula a pesca submarina en Galicia, sinalando o seu carácter arbitrario e falta de xustificación. Desde hai anos, esta normativa xera un profundo malestar no noso colectivo, e consideramos que a súa aplicación vulnera os principios de equidade e obxectividade que deben guiar calquera actuación administrativa. Recentemente recibimos unha resposta oficial desta institución.

Tras analizar a nosa solicitude, a Valedora do Pobo decidiu acoller a denuncia e abrir expediente de instrución á Consellería do Mar. Na súa resposta, o Valedor sinala que existen indicios de irregularidades na normativa e recolle as súas actuacións no artigo 103.1 do a Constitución española.

Este artigo establece que “A Administración pública serve obxectivamente os intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración, coordinación e sometemento pleno á orde”. A aceptación da nosa queixa fai pensar que a Valedora atopa razóns para considerar que a normativa en cuestión pode non cumprir estes principios, especialmente no que se refire á obxectividade e á total submisión á lei.

Estamos á espera da resposta pública da Consellería do Mar, que debe pronunciarse sobre as irregularidades sinaladas. Un paso máis na nosa loita por unha normativa máis xusta e equitativa, e reforza o noso compromiso coa defensa dos dereitos dos pescadores submarinos.

(C) 2024 AsOCIACIÓN GALEGA DE PESCADORES SUBMARINOS RESPONSABLES. Todos os dereitos reservados.